Memoria Histórica | |
Publicado por ARMH

O guerrilleiro Perfecto de Dios, soterrado en Sandiás despois de 65 anos

CRTVG/Redacción Telexornal/07-06-2015


Sesenta e cinco anos despois da súa morte, os restos do guerrilleiro antifranquista Perfecto de Dios foron hoxe soterrados en Sandiás.
A Asociación da Memoria Histórica exhumou os seus restos hai un ano en Ávila, onde caera morto nun tiroteo coa Garda Civil, cando intentaba exiliarse en Francia.

A historia de Perfecto é a de toda unha familia represaliada, os de Dios: a súa, a de seus pais fuxidos, a de seu irmán Camilo na cadea o día que o mataron, o 16 de maio de 1950, e que ata hoxe loitou por recuperar os restos.

“Perfecto e a súa nai, xunto con outros dous compañeiros estaban tratando de chegar a Madrid para saír ao exilio e en Ávila son localizados por unha patrulla da Garda Civil. E nese tiroteo, nese cambio de disparos acaban matando a Perfecto e detendo a Carme tamén.” Conta o historiador Alejandro Rodríguez.

Carme, súa nai, despois de ver morrer o seu fillo nos brazos pasou 13 anos na cadea e a Perfecto enterrárono no lugar onde o mataran, en Chaherrero, nunha fosa, fóra do camposanto. A investigación da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica permitiu localizar o expediente da súa morte no Arquivo do Tribunal Militar de Ferrol e nun só día localizaron o guerrilleiro.
A doazón dun sindicato noruegués de electricistas para abrir fosas da ditadura en España permitiu sufragar os gastos da exhumación, na que traballou o arqueólgo René Pacheco:

“Foi un proceso rápido. O traballo de campo deu moitos resultados. Non só os ósos, senón os obxectos que levaba Perfecto nese momento. Obxectos moi notorios, moi persoais, como o son a navalla, como o son unhas botas que o propio Camilo, seu irmán, nos dixo que as recordaba perfectamente.”

Aquela navalla, que hoxe volveu ás mans de seu irmán, emocionado: ” Vaia recordo eh!, Teño tantos!”
Tamén aquelas botas e os restos de Perfecto que tanto ansiaron traer de volta a Sandiás.
” Sempre miña nai e mais eu, que tamén está aí, sempre pensamos en recuperalo un día. E por fin, lográmolo.” Dicía Camilo de Dios ao pé da tumba.
O Himno Internacional dos Guerrilleiros recibiuno no seu camposanto da voz dos seus camaradas que seguen loitando como a familia de Perfecto.
“A partir de agora seguiremos loitando para que outros teñan a mesma sorte de poder encontrar os deles e traelos á casa. Que non pedimos outra cousa, nin revanchismo nin nada.”

http://www.crtvg.es/informativos/o-guerrilleiro-perfecto-de-dios-soterrado-en-sandias-despois-de-65-anos-1208105

Publicado por ARMH

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *